Nós, Produtora Cinematográfica Galega, S.L. nace, xuridicamente, o 7 de novembro do 2000, impulsada por un grupo de persoas que dende tempo atrás están vinculadas ao audiovisual galego.
De calquera xeito podémonos remontar a 1975, ano no que se constitúe na notaría viguesa de D. Alberto Casal Riba a sociedade “Nós, Cinematográfica Galega, S.A” (noticia aparecida en La Voz de Galicia do mércores 3 de decembro de 1975). A sociedade participa activamente naqueles anos en diferentes acontecementos cinematográficos como impulsores de xornadas e festivais, promotores de proxectos de rodaxes como “A Esmorga” de Eloy Lozano Coello ou “Retorno a Tagen Ata” do mesmo autor. En 1980 falece un dos seus principais impulsores, Carlos Varela Veiga e a sociedade vai esmorecendo.
No ano 2000 un grupo de persoas vinculadas con proxectos de produción audiovisual en Galicia retoman a idea e, xunto con outras interesadas e algunhas das promotoras da primitiva refundan a actual “Nós, Produtora Cinematográfica Galega, S.L.”
Nós nace coa convicción de que Galiza debe contar coas súas propias canles de produción e distribución audiovisual e tamén que é necesario darlle voz á cultura, historia e lingua galega. Todos os seus traballos teñen dalgunha ou outra maneira relación co seu país.