Nación estrea en cinemas a partir do 26 de marzo
Nación dirixida por Margarita Ledo chega ás salas de Galicia e de España o próximo 26 de marzo tras o seu exitoso paso polo Festival Internacional de Cinema de Sevilla. A súa estrea en Galicia tivo lugar no festival Cineuropa, en Santiago.
Nación é unha obra de non ficción na que Margarita Ledo Andión “dá continuidade a unha liña de traballo que contribúe á construción dun novo canon para o cinema de xénero”, segundo sinalan na súa nota de prensa.
O filme aborda a historia oculta de moitas mulleres que viviron baixo a represión sexista do sistema patriarcal. Trata do moito que tardaron en ter dereitos non só para poder votar, senón tamén para acceder ao traballo asalariado e á posibilidade de ser independentes.
Para construír este relato Margarita Ledo Andión enlaza imaxes que auto-rexistraron e rexistraron a acción e a voz das mulleres en diferentes situacións e épocas cos testemuños de Nieves P. Lusquiños e un grupo de operarias, que nos ensinan o que representa o fin dunha época na que a muller accedera ao traballo industrial.
MÓNICA CAMAÑO, MÓNICA DE NUT E XOANA PINTOS Durante o relato, que introduce a persoaxe da esfinxe (Eva Veiga), estes testemuños entrelázanse coa parte ficcionada protagonizada polas actrices galegas Mónica Camaño, Mónica de Nut e Xoana Pintos que forman unha personaxe coral que representa ás mulleres silenciadas que traballan no campo e nas fábricas mentres asumen os roles familiares asignados baixo a represión do arraigado sistema patriarcal na sociedade, destacan na nota.