CCCV (Cineclube Carlos Varela Veiga)
- Ramiro Ledo Cordeiro
- 2005
- Documental
- 64'
- Galego
En agosto de 2005 fixo vinte e cinco anos da desaparición de Carlos Varela Veiga, “salvo algún traballo do cineasta Carlos Velo, o único realizador galego de cinema militante” (Xosé Paz Rodríguez). Cineclubista de base na animación e na dirección do cineclube Valle-Inclán de Lugo dende 1971 e logo cineasta, admirador de Joris Ivens, Eisenstein, Dovjenko, Santiago Álvarez, Dziga Vertov, Jorge Sanjinés.
Carlos percorreu Galiza enteira detrás da súa cámara de cinema para facer a crónica do movemento nacional-popular galego, mais deixou tamén unha estela exemplar no eido da fotografía, na cerámica, no debuxo, no deseño gráfico, no mural, no traballo cos tapices; elaborou o anteproxecto de estatutos para unha futura Federación de Cineclubes de Galiza en 1977 (que tomou forma definitiva en 1984), fundou e dirixiu en 1975 'Nós Cinematográfica Galega' e deseñou o anagrama desta sociedade que, nos seus estatutos fundacionais, defendía a “incorporación á cultura galega do fenómeno cinematográfico en todas as súas manifestacións”.
Nun tempo en que en Francia o maio de 1968 se filmou en 16mm., en que no propio 1977 de Xove, Baldaio e a loita contra a cota empresarial, Llorenç Soler veu dende Cataluña gravar, tamén en 16mm., 'O monte é noso' ou 'A autoestrada, unha navallada á nosa terra', Carlos Varela non deixou que a falta de medios materiais lle impedira a urxencia de rexistrar no seu modesto súper8mm. a loita dun pobo por se liberar da opresión colonial exercida polo centro estatal, primeiro, e polo centro mundial ao tempo. Filmando, facía bo o Godard do outono de 1978 : “É a realidade: faise o que se pode, non o que se quere. Emporiso, téntase facer o que se quere co poder que se ten (...) e iso non significa en absoluto pregarse, ben ao contrario, significa reforzarse e flexibilizarse”.
Texto tirado da nota de prensa de CCCV (agosto 2005)
Foi exposto en:
Cineclube de Compostela (Santiago de Compostela, 2007)
CCCB. Exposición En Transició (Barcelona, 2007- 2008)
XIX Festival da Poesía do Condado (Salvaterra de Miño, setembro de 2005)
Cineuropa (Santiago de Compostela, 2005)
Festival Latinoamericano de la Clase Obrera (FELCO ‐ Bolivia, 2006)
Festival de Cine Pobre Santiago Álvarez (Cuba, 2006)
Filmoteca Université Paris VII ‐ Sorbonne Nouvelle (París, 2006)
Filmoteca UNAM (México, 2007)
CGAI (A Coruña, 2006)
A estrea foi en Lugo en verán do 2005
Film credits
Ramiro Ledo Cordeiro
Ramiro Ledo Cordeiro (Lugo, 1981). Realizador e montador independente. Cofundador e director até 2007 do Cineclube de Compostela e de tres números de Ariel, boletín de cinema en galego. Catalogador do arquivo histórico audiovisual de TVE-Galicia, Máster de documental creativo (UAB) e DEA en Estudos sobre cinema contemporáneo (UPF, tesiña Filmar a Historia a partir de Peter Weiss). Colaborador en distintos medios, entre eles a Radio Galega, Xornal de Galicia, Blogsandocs e Asociación Lumière. Na actualidade está inmerso no proxecto NUMAX, sociedade cooperativa.
Filmografía: CCCV-Cineclube Carlos Varela (2005) O proceso de Artaud (2010) -curta- Galicia 1936-2011. Estudos sobre o filme de Carlos Velo (con Pablo Cayuela, 2011) -curta- VidaExtra (2013)